A celebración do Entroido volveu mobilizar un ano máis a familias, profesores e alumnos de Infantil e Primaria, nunha das festas máis divertidas do ano. A preparación de disfraces e previsión do festival comezou semanas atrás, elixindo a temática dos xogos olímpicos como fío condutor do festexo. Como converter a 500 alumnos en esquiadores, piragüístas, levantadores de pesas, mestres de esgrima ou tiro con arco, xogadores de baloncesto e waterpolo, nadadoras de sincro, abandeirados e atletas olímpicos? Aí estivo o reto e aí a motivación dos profes que, co apoio das familias e a ilusión de nenos e nenas, fixeron posible unha cerimonia onde non faltou nin o facho olímpico nin o pebeteiro, aceso cunha frecha ardente.
As semanas previas, xunto á preparación de disfraces, aproveitamos as aulas para coñecer tradicións do Entroido, entre as que cabe destacar o obradoiro de compadres e comadres en 2ºEP, promovido pola área de Educación do Concello, que resultou tan interesante que ata a TVG se fixo eco do mesmo, ou a visita dalgunhas máscaras tradicionais: un cigarrón de Verín, unha pantalla de Xinzo e un felo de Maceda.
Sete días antes, o Meco foi caldeando o ambiente cos seus mandados: do xoves de compadres ao xoves de comadres, pasando por levar algo ao pescozo, traer os pelos tolos, vestir de velliña e lucir medias multicolores. De acenos ao Entroido tampouco se libraron os adestramentos de baloncesto e fútbol sala do Club Maristas nin o menú dos días finais, nos que as orellas case case estiveron a piques de acabarse.
Así chegou a gran festa que congregou a toda Primaria no polideportivo, onde non faltou nin a charanga nin a presenza das familias que saíron á pista para botar un baile…, nin os alumnos de Infantil, pampos ante as cores e músicas. E é que Infantil tivo a súa propia temática para estes días, a xogo co proxecto sobre Astronomía que están a realizar nas aulas, completado cunha gran merenda de doces tradicionais esa mesma mañá, posible grazas á implicación de nais e pais, sempre dispostos, a pesar de que un par de semanas antes foran xa convocados a axudar na ambientación de aulas e corredores desta etapa, e non parar desde entón en colaborar na preparación dos disfraces de planetas, foguetes e marcianos.
E así, un ano máis celebramos o gran festival de cor e música reflectido na nosa GALERÍA DE IMAXES e proclamos todos a un tempo que #MaristasViveoEntroido.