Un ano máis celebramos o Día das Escritoras, intentando así reparar o esquecemento de tantas e tantas mulleres invisibles que sentiron a chamada da escritura, tal como propón facer a Biblioteca Nacional no luns máis preto á festividade de Santa Teresa de Xesús, considerada unha das primeiras escritoras en lingua castelá.
Nós adaptamos a celebración ó noso contexto sociolingüístico e facemos unha proposta dende a materia de Lingua Galega, centrándonos nas mulleres escritoras que viviron en situacións de conflito bélico, afrontando o sufrimento e o amor, a xenerosidade e o compromiso.
Deste xeito, no Amencer do luns, os titores de ESO e Bacharelato presentaron a efeméride cun vídeo didáctico e a lectura dun fragmento de “Flores de ferro”, de María Rei Vilas. Como complemento, durante a semana, o alumnado pasou pola biblioteca Torre de Babel para vivir a experiencia lectora nun entorno de guerra. En resumo, unha proposta de mergullarnos nun mar de palabras e emocións da man de grandes mulleres das nosas letras.